Monday 06 de May de 2024

As bases reguladoras do Programa de Vivendas Baleiras do concello de Riveira serán sometidas ao pleno deste luns


O pleno ordinario do vindeiro luns vai someter á consulta dos membros da Corporación a aprobación se procede das bases reguladoras do Programa de Vivendas Baleiras do Concello de Riveira: unha normativa que supón un paso máis cara á implantación desta iniciativa promovida pola Xunta tras a adhesión do municipio o pasado ano.

Entre outros puntos, a ordenanza regula as condicións e características que como mínimo deben posuír as vivendas para poder ser incorporadas ao programa (por exemplo, ter a consideración de vivenda libre ou non estar sometida a ningunha limitación para arrendala derivada da súa cualificación como vivenda protexida; non ter cargas que impidan o seu arrendamento; estar desocupada e susceptible de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa; reunir as condicións de habitabilidade; e estar dada de alta nos subministros básicos de auga, lixo, gas e/ou electricidade).

As vivendas poderanse arrendar con ou sen mobles, pero, en calquera caso, deberán contar con instalación de auga quente, con cociña equipada con mobiliario e electrodomésticos básicos.

Renda
En canto ao prezo de renda, a efectos de determinar o prezo máximo establécese unha superficie máxima computable de 90 metros cadrados e un prezo máximo por metro cadrado de 3,834 euros sempre que dispoña de rocho e garaxe, sen que o importe poida exceder en ningún caso os 345 euros. Para fixar o importe tamén se poderá ter en conta os prezos medios de mercado da zona onde estea situada a vivenda se se acredita que son inferiores aos obtidos mediante a aplicación do antedito.

A duración da posta a disposición da vivenda por parte do titular interesado será de tres anos contados a partir da data de inicio do primeiro contrato de arrendamento que se subscriba. As solicitudes de incorporación das vivendas ao programa serán tramitadas no propio Concello, incluíndose no procedemento unha inspección técnica para comprobar as condicións de habitabilidade e idoneidade da vivenda e determinar a taxación da renda.

Persoas demandantes
No que se refire aos requisitos das persoas demandantes de vivenda, as unidades familiares ou de convivencia deberán reunir os seguintes requisitos:

• Ter uns ingresos entre 1 e 2,5 veces o IPREM. Excepcionalmente poderá exceptuarse do cumprimento de acreditar o límite mínimo de ingresos cando se trate de situacións de emerxencia social que deberán ser singularmente avaliadas. Con carácter xeral, a renda que debe aboar a persoa inquilina non debe ser superior ao 30% dos seus ingresos.
• Non ter a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia unha vivenda en propiedade, a menos que non dispoña do seu uso e disfrute, nin o usufruto doutra vivenda en todo o territorio nacional, ou se trate dunha vivenda inadecuada ou insuficiente.

Certos colectivos terán a consideración de prioritarios, tales como os afectados por procedementos de execución hipotecaria, desfiuzamento, con fillos menores, familias numerosas e monoparentais con fillos a cargo, con persoas dependentes ou vítimas de violencia de xénero, entre outras.